Potencia contratada: optimízaa para aforrar na factura da luz

A potencia contratada ou potencia eléctrica é unha parte fixa en cada factura de luz, que pagas aínda que non haxa consumo eléctrico. Para non pagar de máis é importante que a teñas axustada ás túas necesidades reais. Vexamos de que se trata e como podes elixir a ideal para ti.

Que é a potencia contratada?

Os aparellos eléctricos precisan certa potencia eléctrica para funcionar, medida en vatios (W) ou Kilovatios (KW). O seu consumo -o gasto eléctrico- depende do tempo de uso, por iso o consumo eléctrico se mide en Kilovatios/hora (KwH), que é a electricidade necesaria para alimentar un dispositivo dun kW durante unha hora.

Habitualmente no domicilio temos en funcionamento diversos electrodomésticos ao mesmo tempo. A instalación eléctrica debe ser capaz de alimentar varios electrodomésticos simultaneamente. É o que se coñece como potencia contratada: a máxima potencia que podes utilizar ao mesmo tempo.

Poñamos por caso que tes una potencia contratada de 3,45 kW. Tendo en conta que 1 kW son 1000 vatios, a potencia máxima da túa instalación son 3450 W. Se tes acendidas 10 lámpadas de 14 W (suman 140 W), a túa instalación pode soportalas sen problema. En cambio, se ao mesmo tempo, tes en funcionamento un forno de 2000 W e un lavalouzas de 1500 W -en total suman 3514 W- supérase a potencia contratada. E que sucederá nese caso? Saltarán os chumbos e irase a luz. Posiblemente xa che ocorreu en algunha ocasión. Do contrario, se nunca aconteceu, é posible que teñas máis potencia contratada da que precisas.

Aínda que é frecuente que para tratar de aforrar na factura só nos fixemos nos kWh de enerxía que consumimos, tamén é importante revisar que potencia temos contratada e saber se é a que precisamos ou podemos reducila.

Como saber se tes máis potencia da que precisas?

Fai unha proba. Acende todos os aparellos eléctricos que podes necesitar de forma simultánea (luces, neveira, vitrocerámica, forno, lavalouzas…). Se o Interruptor de Control de Potencia (ICP) non salta, é probable que teñas máis potencia da necesaria.

Se queres calcular ti mesmo a potencia contratada precisas, tes que facer unha lista dos dispositivos eléctricos que utilizas en casa e ver canto consume cada un deles. É un valor (en W ou kW) que aparece no adhesivo do dispositivo ou ben no manual de instrucións. Pensa que dispositivos poderías chegar a utilizar ao mesmo tempo e, ao seu consumo, engade un 10% polo standby e outro 10% de marxe de seguridade. Esa será a túa potencia contratada segura.

Se che parece complicado calculalo, podes consultalo cun electricista ou facerte cun dos monitores enerxéticos que existen no mercado e que che indicarán a potencia máxima que precisas, medindo o teu uso de potencia durante varios días. Este aparello indicará cal foi a potencia máxima durante un período de tempo e ese será o valor recomendado de potencia eléctrica contratada.

A potencia contratada non pode ser calquera cifra, senón que existen diferentes potencias establecidas que podes contratar. Son as mesmas para todas as compañías eléctricas.

Tramos de potencia eléctrica normalizados na actualidade

A potencia eléctrica comercialízase aos usuarios a través de distintos tramos, que definen as potencias normalizadas, estandarizadas polo Goberno para que a xestión sexa máis doada.

Para saber que potencia normalizada elixir temos que ter en conta o noso tipo de subministro: se é monofásico ou trifásico. En vivendas estándar o subministro é monofásico. En vivendas moi antigas pode estar instalado un subministro trifásico, pero non é nin moito menos o habitual.

Os subministros trifásicos son frecuentes en grandes instalacións como naves industriais ou centros comerciais, por exemplo, que realizan un elevado consumo de enerxía elevado e teñen que contratar uns tramos de potencia eléctrica máis altos.

Potencias normalizadas máis frecuentes por tipo de subministro, para as tarifas 2.0 e 2.1:

Potencias normalizadas

As potencias superiores a 15 kW -normalmente asociadas a empresas- corresponden ás tarifas 3.0 e 3.1.

No ano 2006 o Ministerio de Industria cambiou os tramos de potencia para adaptalos de 220V a 230V. Se non realizaches ningún cambio desde entón, aínda estarás nos tramos anteriores, que pertencían ao voltaxe de 220V. Normalizalos non é obrigatorio, aínda que si se fará se decides reducir ou aumentar potencia, cambiar de tarifa ou de compañía eléctrica.

Aforro reducindo a potencia contratada con A vaquiña polo que vale:

Con cada tramo de potencia contratada que reduzas coas nosas tarifas 2.0, aforrarás 3,97€ cada mes. No caso das nosas tarifas 2.1, cada tramo de potencia contratada que reduzas suporá un aforro de 4,58€ ao mes.

Como solicitar un cambio de potencia eléctrica?

Baixar a potencia contratada é un trámite que supón un custo para o cliente, que ten que pagar os dereitos de enganche (10,94€ IVE incluído para as tarifas 2.0) á distribuidora eléctrica da súa zona, a través da factura que emite a comercializadora, tralo cambio de potencia contratada.

Se es cliente de Xenera Compañía Eléctrica, podes solicitar un cambio da potencia eléctrica contratada na túa vivenda ou local, chamando ao noso teléfono gratuíto 900 101 562 ou en calquera dos nosos puntos de atención: Vigo, Lugo, Santiago de Compostela ou A Coruña.

Para facer o cambio, solicitaranse os seguintes datos:

  • Datos do titular do contrato.
  • Enderezo do inmoble.
  • Código Universal do Punto de Subministro (CUPS), que aparece en todas as facturas da luz.
  • Potencia contratada actual.
  • Nova potencia eléctrica a contratar.

Cóntanos, sabes que potencia tes contratada actualmente e se é a que realmente precisas?

Se che gustou, comparte! 🙂

2 pensamentos en “Potencia contratada: optimízaa para aforrar na factura da luz

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *